Saltar ao contido

Gregoria Apaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGregoria Apaza

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento13 de xuño de 1750 Editar o valor en Wikidata
Ayo Ayo, Bolivia Editar o valor en Wikidata
Morte6 de setembro de 1782 Editar o valor en Wikidata (32 anos)
A Paz, Bolivia Editar o valor en Wikidata
Causa da morteenforcamento Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónrevolucionario Editar o valor en Wikidata
Familia
ParellaAndrés Túpac Amaru Editar o valor en Wikidata
IrmánsTúpac Katari Editar o valor en Wikidata
ParentesBartolina Sisa, cuñada Editar o valor en Wikidata

Gregoria Apaza Nina, nada en Ayo Ayo, na provincia de Sica Sica, c. 1751 e finada na Paz o 6 de setembro de 1782, foi unha heroína e revolucionaria indíxena aimará que liderou, xunto co seu irmán Túpac Katari (Julián Apaza) e a súa cuñada. Bartolina Sisa, unha das rebelións máis importantes contra o Imperio Español no Alto Perú.[1][2][3][4]

Filla de Nicolás e Marcela, casou con Alejandro Pañuni, sancristán do lugar, co cal tivo un fillo. Tamén estivo vinculada sentimentalmente con Andrés Túpac Amaru, sobriño de Túpac Amaru II, quen se uniría a eles durante o segundo asedio da cidade española da Paz en 1781; canda el, Gregoria Apaza liderou o asalto e toma da cidade de Sorata.[5][6]

Foi torturada e morreu executada o 6 de setembro de 1782 na Paz, xunto a Bartolina Sisa.[7]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe da irmá de Julián Apaza, alias Túpac Katari. Parece que foi eclipsada, na memoria colectiva e na historiografía, polo seu irmán e a súa cuñada Bartolina Sisa. Filla de Nicolás Apaza e Marcela Nina, viviu, até o estalido da rebelión en 1781, na localidade de Ayo Ayo, a 70 km da Paz. Falaba só aimará, non sabía nin ler nin escribir e nunca recibiu instrucións. Casou co sancristán Alejandro Pañuni e, ao incorporarse á rebelión, tivo un fillo pequeno, segundo se desprende dos documentos que recollen a súa confesión nos xulgados españois.

Insurrección indíxena

[editar | editar a fonte]

Parece que Gregoria Apaza tiña trinta anos cando en 1781 deixou todo para unirse ao seu irmán, Julián Apaza, quen lle pedira que se unise a el na revolta indíxena que lideraba contra o dominio español. Canda a súa cuñada Bartolina Sisa, foi un valioso apoio para Túpac Katari cumprindo o papel de xeneral do exército, administrando os bens resultantes do espolio, organizando os campamentos e dirixindo os guerreiros no campo de batalla.[8]

Mapa da Paz en 1781, rodeado polos indíxenas liderados por Túpac Katari.

As tropas rebeldes asediaron primeiro a cidade da Paz, despois a cidade de Sorata; cando Túpac Katari tivo que abandonar os campos que rodeaban a cidade da Paz, foi Gregoria Apaza, coa súa cuñada, quen asumiu o mando das tropas aimarás. As dúas mulleres foron eficientes no cerco, xa que non se notou a ausencia de Túpac Katari.

Mentres o poder de Túpac Katari se fortalecía e a súa irmá brillaba como cacique, nese mesmo ano 1781 chegaban do Perú as tropas aliadas enviadas polo líder José Gabriel Túpac Amaru como reforzos para os sublevados. Á fronte deste exército estaba o mozo Andrés Túpac Amaru, sobriño do xefe, un mozo de 17 ou 18 anos que sabía ler e escribir e valente con gran perspicacia militar. Gregoria Apaza e Andrés Túpac Amaru namoráronse e xuntos loitaron e gañaron moitas batallas.[9]

Despois de que o asedio fronte á Paz parecese suficientemente consolidado, Túpac Katari encargou á súa irmá a conquista do val e da aldea de Sorata, a uns 100 km ao noroeste da Paz. Gregoria Apaza e Andrés Túpac Amaru conseguiron manter ben rodeada a cidade de Sorata. Tamén construíron un depósito para acumular a auga resultante do desxeo da neve, para logo vertela sobre a cidade; estas accións militares destruíron as defensas de Sorata e asolagaron as casas. Gregoria e Andrés finalmente tomaron a cidade despois de fortes loitas, e a parella permaneceu alí un mes.[10]

En outubro de 1781, cando Andrés se dirixira a Azángaro, no Perú, convocado por carta do seu tío, Gregoria soubo que as tropas españolas conseguiran romper o cerco da Paz e que Túpac Katari se retiraba ao campo dos arredores. Cando os españois finalmente lograron capturar a Túpac Katari e á súa esposa Bartolina Sisa, Gregoria armou as súas tropas en Sorata e trasladouse co seu exército cara á Paz para axudar ao seu irmán. Porén, despois dunha feroz batalla, tamén foi capturada.

Execución

[editar | editar a fonte]

Gregoria Apaza e a súa cuñada foron encarceradas nunha cela fría, escura e húmida onde agardaron a súa condena durante oito meses. O 6 de setembro de 1782, condenadas polo auditor Francisco Tadeo Díez de Medina, as dúas líderes aimarás foron aforcadas[5] ante a multitude na praza maior da Paz. A Apaza e a Sisa puxéronlles unha coroa de espiños na fronte e fixéronas pasear espidas sobre un burro dende a prisión ata o cadafalso. A maneira de exemplo, os seus corpos foron desmembrados, os seus membros foron enviados a diferentes lugares onde participaran na resistencia para ser expostos, as súas cabezas foron empaladas e o resto do corpo foi incinerado para que as cinzas fosen espalladas polo vento.[11]

  1. del Valle 1981, p. 73.
  2. Ramos Andrade 2005, p. 2016.
  3. del Valle de Siles, María Eugenia (1981). Bartolina Sisa y Gregoria Apaza: dos heroínas indígenas. Biblioteca Popular Boliviana de "Última Hora". p. 73. 
  4. Ramos Andrade, Edgar (2005). Inclusión y dignidad indígena. Comunidad de Derechos Humanos. p. 216. 
  5. 5,0 5,1 González Guardiola, Lola (2000). De Bartolina Sisa al Comité de Receptoras de Alimentos de El Alto: antropología del género y organizaciones de mujeres en Bolivia. Universidade de Castela-A Mancha. p. 335. ISBN 978-848-427-072-0. 
  6. Crespo Rodas, Alberto; López Beltrán, Clara (2010). Fragmentos de la patria: doce estudios sobre la historia de Bolivia. Plural editores. p. 346. ISBN 978-999-541-331-6. 
  7. González Guardiola 2000, p. 335.
  8. "Gregoria Apaza, la “cacica” del cerco a La Paz". www.paginasiete.bo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2022. Consultado o 2021-04-04. 
  9. del Valle 1990.
  10. Crespo & López 2010, p. 204.
  11. Crespo & López 2010.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Crespo, Alberto; López, Clara (2010). Fragmentos de la patria : doce estudios sobre la historia de Bolivia (en castelán). Plural editores. ISBN 978-99954-1-331-6. 
  • del Valle de Siles, María Eugenia (1981). Bartolina Sisa y Gregoria Apaza: dos heroínas indígenas (en castelán). Biblioteca Popular Boliviana de "Última Hora". 
  • del Valle de Siles, María Eugenia (1990). María Eugenia del Valle Siles. Historia de la rebelión de Tupac Catari (1990). (en castelán). Editorial Don Bosco. 
  • González Guardiola, Lola (2000). De Bartolina Sisa al Comité de Receptoras de Alimentos de El Alto: antropología del género y organizaciones de mujeres en Bolivia (en castelán). Universidade de Castela-A Mancha. ISBN 978-848-427-072-0. 
  • Ramos Andrade, Edgar (2005). Inclusión y dignidad indígena (en castelán). Comunidad de Derechos Humanos.